Sunday 05 de May de 2024

Apertura do prazo de inscrición nun curso de “Iniciación de bobinador/a de motores eléctricos”


O Concello abrirá mañá o prazo de inscrición nun curso de “Iniciación bobinador/a de motores eléctricos”. A edil de Formación, Natalia Hermida, recordou que se dirixe a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón. “Trátase dun curso de 200 horas de duración, das que 80 serán teóricas e as 120 restantes de prácticas en empresas e que se impartirá do 11 de xullo ao 31 de agosto”, avanzou.

Conceptos básicos de electrotecnia, bobinados de corrente continua e alterna, e cambio das características dos bobinados e ensaios forman parte dos contidos que se abordarán. A formación teórica terá lugar no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, de luns a venres e as prácticas nunha empresa de Río do Pozo, en quendas de mañá e tarde. En concreto, tal e como indicou a edil, de 9.00 a 14.00 horas haberá teoría do 11 ao 22 de xullo; de 9.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas do 26 de xullo ao 4 de agosto haberá teoría e práctica, respectivamente, e entre o 5 e o 31 de agosto completarase o programa con prácticas en empresa de 15.30 a 20.30 horas.

En total ofértanse dez prazas e as solicitudes poden presentarse dende mañá ata o 21 de xuño ás 13.00 horas no Rexistro Xeral do Concello –de luns a venres de 8.30 a 13.00 horas-, na Sede Electrónica e polos restantes medios contemplados no artigo 16.4, la Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. As persoas que cumpran os requisitos establecidos para acceder a esta formación serán chamadas para realizar unha entrevista de selección.

Para máis información pódese consultar a sección de Servizos, Formación e Actividades Municipais da web do Concello ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).

Hermida animou ás veciñas e veciños de Narón interesados nesta acción formativa a anotarse na mesma e destacou que se programou este curso “atendendo á demanda de profesionais que, á hora de realizar contratacións, se detecta sobre esta área nas empresas da comarca”.